Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO REPARA A CANALIZACIÓN DO RÍO DO ESTEIRO

A estrada a Cervás estaba a afundirse e unha das farolas presentaba risco de caída

Mugardos, 12 de abril de 2022. O concelleiro de Obras e Servizos, Jorge Kuntz, informou hoxe das actuacións que o concello está a levar a cabo na estrada que une O Baño con Cervás, onde se está a substituir a tubaxe de canalización do río do Esteiro.

As obras deberon afrontarse con urxencia debido ao afundimento da estrada e ao risco de que unha das farolas do alumeado público puidese caer. A causa dos danos foi a filtración de auga que se estaba a ocasionar polo mal estado das canalizacións existentes, tanto da preexistente como da que se instalou cando se realizaron as obras da urbanización.

Esta reparación levada a cabo polos operarios municipais coa colaboración dunha empresa proveedora de maquinaria pesada, está a consistir na reparación das tubaxes coa modificación da situación máis nova xa que estaba mal ubicada, o que ocasionou a aparición de numerosas fisuras. Así mesmo procederase a sellar as filtracións existentes para frear a aparición de danos no terreo.

“Unha vez máis, a falta de supervisión das obras ten como consecuencia gastar miles de euros no arranxo dunha avería totalmente evitable” afirmou o concelleiro. Kuntz explicou que “no seu momento, cando se fixeron as obras da urbanización, ninguén vixiou que a tubaxe fose colocada correctamente ni que se fixeran tarefas de mantemento na preexistente, que xa deu problemas fai anos; en resumo, ninguén se ocupou de facer as cousas ben. É unha magoa que os cartos dos mugardeses teñan que gastarse así, pero podemos asegurar que esta vez afrontamos o problema da canalización e non estamos a poñer un parche. Arranxamos as tubaxes, modificamos a súa posición para que deixen de producirse filtracións e freamos o afundimento do terreo de xeito definitivo”.

Back to top