O CONCELLO LEMBRA ÁS SOCIEDADES A POSIBILIDADE DE ESTAR EXENTAS DO PAGO DO IMPOSTO DE BENS INMOBLES
O concelleiro de Facenda Miguel Mahía remitiu unha comunicación ás directivas das sociedades e asociacións municipais explicando o procedemento
Mugardos, 2 de novembro de 2022. O edil Miguel Mahía informou da campaña de alivio fiscal posta en marcha desde a Concellería de Facenda, e que deu inicio fai uns días coa comunicación remitida ao tecido asociativo mugardés para a solicitude da exención do Imposto de Bens Inmobles (IBI) se así o desexan.
“Desde comezos do ano estivemos traballando na procura dunha forma viable e legal de aliviar da carga do recibo da contribución ás sociedades, e a opción que avalan os técnicos consiste na exención do imposto pola vía da Lei 49/2002 cos requisitos que debe de cumprir a entidade para poder acollerse a esta exención establecidos na consulta vinculante V0534-19 do 13 de marzo de 2019 da Secretaría Xeral de Tributos Locais”.
Dado que se trata dun trámite novo para as entidades, e aínda que este trámite non ten que ver coa Administración Local, desde o departamento dirixido por Mahía ponse a disposición das sociedades os recursos dos que dispón a Concellería para axudar a preparar a documentación e asesorar nos trámites que sexan necesarios para lograr a exención.
“Cremos que esta é unha boa forma de axudar ás entidades, que conta con plenas garantías xurídicas e que permitirá empregar eses fondos para realizar actividades ou a investilos” sinalou o concelleiro.
Para rematar, Miguel Mahía expuxo que este é o inicio da campaña de alivio fiscal na que a súa concellería leva meses traballando para minimizar o impacto da suba da inflación “especialmente dirixida a evitar a ralentización da actividade económica no noso Concello”.