O CONCELLO INICIA A LICITACIÓN DAS OBRAS DE HUMANIZACIÓN DA PAVIMENTACIÓN E BEIRARRÚAS DE OS CORZÁS
O Concello de Mugardos iniciou o proceso de licitación das obras de humanización da pavimentación e renovación das beirarrúas na zona de Os Corzás, unha actuación destinada a mellorar a accesibilidade, a seguridade e a calidade do espazo público neste ámbito do municipio.
O proxecto contempla a renovación do pavimento e a mellora das beirarrúas, co obxectivo de adecuar a vía ás necesidades actuais de mobilidade e favorecer un tránsito máis seguro tanto para vehículos como para peóns.
Esta intervención forma parte da liña de actuacións que o Concello impulsa para modernizar os espazos urbanos e mellorar as infraestruturas municipais, contribuíndo á creación de contornas máis accesibles e funcionais para os veciños. O orzamento base de licitación desta actuación ascende a 214.508,59 €.
O concelleiro de Obras, Servizos, Medio e Tics, Jorge Kuntz, destacou que “esta actuación permitirá mellorar de forma significativa a accesibilidade e a seguridade na zona de Os Corzás, renovando pavimentos e beirarrúas para adaptalos ás necesidades actuais do municipio”.
Así mesmo, sinalou que “con esta licitación o Concello continúa avanzando na mellora das infraestruturas urbanas, apostando por espazos públicos máis seguros, cómodos e accesibles para todos os veciños”.