Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO INFORMA SOBRE OS TRABALLOS EN CURSO PARA RESTABLECER A ILUMINACIÓN PÚBLICA AFECTADA POLOS TEMPORAIS

O Concello de Mugardos informa de que continúa realizando intervencións en distintos puntos do municipio para solucionar as avarías rexistradas na iluminación pública durante os últimos temporais. As intensas choivas das últimas semanas provocaron acumulacións de auga que afectaron a diversas canalizacións e cadros eléctricos, xerando cortes puntuais en varias zonas.

Os equipos de mantemento, xunto coa empresa colaboradora, están a actuar de maneira progresiva en cada incidencia detectada, priorizando as áreas con maior afección e garantindo a seguridade durante todas as intervencións. Ademais, están a realizarse revisións adicionais para evitar novas incidencias mentres persistan as condicións meteorolóxicas adversas.

O concelleiro de Obras, Servizos, Medio e TICs, Jorge Manuel Kuntz Peiteado, destacou o esforzo que se está realizando desde o departamento para restablecer a normalidade canto antes.“Os temporais puxeron de manifesto avarías ocultas que se activan coa acumulación de auga. Estamos a traballar de forma continuada para identificar todos os puntos afectados e actuar de inmediato. Agradecemos a paciencia dos veciños e queremos asegurarlles que o servizo está enfocado en resolver cada incidencia coa maior rapidez posible” sinalou. Kuntz engadiu que “estas situacións amosan a importancia de seguir renovando as infraestruturas eléctricas do municipio, moitas delas antigas e vulnerables a fenómenos meteorolóxicos intensos”.

O Concello continuará informando á cidadanía dos avances nos traballos e lembra que os veciños poden comunicar calquera incidencia na iluminación a través das canles habituais de atención municipal.

Back to top