O CONCELLO DE MUGARDOS SOLICITA UNHA REVISIÓN INTEGRAL DO ALUMEADO PÚBLICO
O Concello de Mugardos detectou un importante número de avarías na iluminación pública, algunhas delas de certa complexidade, como as rexistradas estes últimos días na Avenida do Seixo e en Barcias.
Ante esta situación, solicitouse á empresa responsable do mantemento da iluminación que realice unha revisión completa e a fondo de todos os puntos de luz do municipio, co obxectivo de garantir a seguridade de veciños e veciñas, así como o correcto funcionamento das instalacións.
O concelleiro de Obras e Servizos, Jorge Manuel Kuntz Peiteado, declarou que “é prioritario para nos asegurar que a iluminación pública funcione correctamente en todo o municipio. Esta revisión integral permitirá detectar e corrixir calquera incidencia antes de que se converta nun problema maior, mellorando a seguridade e a calidade dos servizos que ofrecemos á cidadanía”. O Concello reafirma o seu compromiso co mantemento dos espazos públicos e coa atención rápida e eficaz dos servizos básicos para todos os veciños e veciñas.