O CONCELLO DE MUGARDOS SOLICITA A APLICACIÓN DA ACHEGA PROVINCIAL DO PLAN ÚNICO DE CONCELLOS POS+ ADICIONAL 4/2025
O Concello de Mugardos recibiu a circular remitida pola Deputación provincial da Coruña relativa ao POS+ ADICIONAL 4/2025, correspondente á primeira fase do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (Plan Único de Concellos).
En base ás bases publicadas, que o goberno municipal coñece e acepta na súa totalidade, decidiuse participar neste programa e solicitar a aplicación da axuda provincial asignada, destinada a gastos correntes do ano 2025. A contía total da achega ascende a 45.246,86 €, que permitirá ao Concello reforzar a súa capacidade de xestión e atender con maior eficacia as necesidades do municipio.
O concelleiro de Obras e Servizos, Jorge Kuntz, explicou que “grazas a esta liquidez adicional, poderemos facer fronte a pagos pendentes con provedores do Concello, asegurando que poidan prestar os servizos necesarios aos veciños e veciñas. Este tipo de axudas son fundamentais para manter a eficiencia e o bo funcionamento dos nosos servizos municipais”. O goberno municipal subliña que esta iniciativa contribúe a mellorar a eficiencia e sustentabilidade dos servizos municipais, reforzando a planificación e a xestión responsable dos recursos públicos.