Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE MUGARDOS RETOMA OS TRÁMITES PARA ADHERIRSE AO PUNTO LIMPO DE VILAR DO COLO

O Concello de Mugardos iniciou novamente o procedemento administrativo para a adhesión ao Punto Limpo de Vilar do Colo, mediante a subscrición dun convenio de colaboración cos concellos de Fene, Ares e Cabanas.

A través dunha providencia do concelleiro de Obras e Servizos, Jorge Kuntz, dispúxose que os departamentos de Secretaría e Intervención emitan os informes correspondentes sobre a lexislación aplicable e o procedemento para seguir para a aprobación do convenio, paso previo necesario para formalizar esta adhesión.

Cabe lembrar que nunha etapa anterior xa se tentou a incorporación a este servizo, pero o proceso non puido completarse debido á retirada doutro dos concellos implicados e á existencia de dificultades técnicas que non resultaban favorables naquel momento, existindo unha posible duplicidade de servizos entre o servizo de recollida de enseres e, ao mesmo tempo, a adhesión ao punto limpo.

Con todo, o cambio na normativa a día de hoxe a nivel europeo en materia de residuos permite agora reabrir esta posibilidade en mellores condicións, facilitando a viabilidade do convenio e ofrecendo novas garantías para a súa correcta implantación.

O concelleiro delegado de Obras, Servizos, Medio e TICs, Jorge Kuntz, valorou positivamente este novo impulso ó sinalar que “traballáramos anteriormente nesta liña, pero as circunstancias técnicas e administrativas non o permitiron. Agora, podemos recuperar esta iniciativa con maiores garantías e avanzar na mellora do servizo de xestión de residuos para os nosos veciños”.

O obxectivo deste acordo é mellorar a xestión dos residuos especiais e voluminosos, facilitando á cidadanía un servizo máis eficiente, ordenado e respectuoso co medio ambiente.

Desde o Concello continúase apostando pola cooperación entre administracións e pola adaptación á normativa vixente como ferramentas clave para optimizar recursos e ofrecer mellores servizos públicos.

Unha vez emitidos os informes preceptivos, o expediente continuará a súa tramitación conforme á normativa vixente ata a súa aprobación definitiva.

Back to top