O CONCELLO DE MUGARDOS REFORZA A XESTIÓN DA BIOMASA COA INCORPORACIÓN DUNHA TÉCNICA DE MEDIO AMBIENTE
O Concello de Mugardos reforzou a súa capacidade técnica en materia ambiental coa incorporación temporal dunha técnica de Medio Ambiente, a través dun convenio de colaboración co Concello de Abegondo.
O acordo, cunha duración inicial dun ano, permitirá avanzar na planificación e execución de traballos vinculados á xestión da biomasa, a prevención de incendios forestais e a conservación de leiras, ámbitos nos que o Concello carecía ata o de agora de persoal técnico propio.
O alcalde de Mugardos e concelleiro de Urbanismo, Juan Domingo de Deus, destacou que “a chegada desta técnica permitirá reforzar a capacidade de xestión do Concello nunha área tan sensible como a prevención de incendios e a xestión da biomasa, dando resposta ás preocupacións veciñais e ás obrigacións legais nesta materia”.
Entre as principais funcións que desenvolverá a técnica inclúense:
-A definición dun programa de actuacións en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, priorizando as zonas segundo o seu perigo e posibles impactos sobre a seguridade e a salubridade.
-A emisión de informes técnicos e resolución de alegacións en procedementos administrativos.
– A valoración dos traballos que deben realizar as persoas responsables das parcelas, incluíndo a posibilidade de propoñer sancións coercitivas cando sexa o caso.
– A colaboración cos departamentos de Obras e Servizos, Policía Local e Secretaría na inspección e seguimento de parcelas.
– O asesoramento técnico na aplicación de convenios e normativas ambientais.