Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Mugardos reclama a volta das antigas frecuencias, rutas e horarios de autobuses

Mugardos, 13 de xaneiro de 2022.- O alcalde de Mugardos, Domingo de Deus, ven de adoptar novas medidas para esixir aos responsables do transporte metropolitano a volta ás antigas frecuencias e roteiros, co obxectivo de acabar coas numerosas incidencias que se producen desde o cambio do servizo, tras a entrada dunha nova empresa concesionaria. Neste sentido, “hoxe se trasladou un escrito á Dirección Xeral de Mobilidade reclamando unha vez máis a volta ás anteriores frecuencias, roteiros e horarios dos autobuses, que tras moitos anos lograran cubrir as necesidades da maioría dos usuarios mugardeses sen maiores incidencias” sinalou o rexedor. Tamén solicitou que este asunto sexa incluido na orde do día da próxima reunión da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol para poder unificar criterios e respostas, coa intención de acadar unha solución urxente ás numerosas incidencias que están a afectar a Mugardos e ó resto da bisbarra.

Nos derradeiros meses foron numerosas as xestións realizadas polo goberno municipal ante os órganos competentes neste servizo, como a Delegación Provincial da Xunta de Galicia, a Dirección Xeral de Mobilidade e este mesmo luns cos representantes da empresa concesionaria, a UTE Hércules. “En todos estes encontros trasladei as queixas dos veciños e veciñas, e a necesidade de dar unha solución de maneira urxente. Os atrasos e a anulación de roteiros que se producen desde hai meses xeran unha enorme incerteza aos usuarios do transporte metropolitano polos desaxustes nos horarios, que sinceramente, xa non saben se ese día van poder chegar a tempo ao seu traballo ou a unha consulta médica. Isto é inadmisible” sinalou con evidente preocupación de Deus.

Para finalizar, o Alcalde quixo trasladar o apoio do goberno municipal aos veciños e veciñas afectados, e lembrou a posibilidade que teñen que trasladar as súas queixas e propostas ao Concello, para poñelas en coñecemento dos responsables do servizo “O transporte metropolitano non é unha competencia municipal e a súa xestión non depende do goberno local, pero como representantes da veciñanza seguiremos facendo o necesario para conseguir que o servizo funcione dunha maneira axeitada”. P

As queixas e propostas poden trasladarse por correo a alcaldia@mugardos.gal , a través do WhatsApp do servizo Mugardos en Liña presencialmente no Rexistro do Concello (de 9.00 a 14.00 horas). Esta información será remitida á empresa e aos responsables administrativos do servizo para que adopten as medidas necesarias para que este servizo cubra as necesidades dos mugardeses e mugardesas”.

Back to top