Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE MUGARDOS IZARÁ A SÚA NOVA BANDEIRA O VENRES 31 DE MARZO

Tras a  publicación no Diario Oficial de Galicia da bandeira e o escudo do Concello de Mugardos, os símbolos do concello atópanse en vigor contando con eles por primeira vez na súa historia

O alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus, informou do acto de izado da bandeira de Mugardos na fachada da Casa do Concello, que terá lugar este venres 31 de marzo ás 12:00 horas coincidindo co 220 aniversario da independencia da vila do convento de Montefaro.

“Mugardos ten os seus símbolos oficiais por primeira vez; un escudo actualizado e vixente que representa a súa historia, e unha bandeira que aparecerá no cuarto mástil que ata o de agora estaba baleiro na fachada da Casa do Concello. Este ano cúmprense 220 anos da obtención da primeira coroa do noso escudo, e é a nosa homenaxe a todos aqueles que no seu día tanto deron polo noso pobo”, declarou De Deus.

No acto participarán os pequenos escolares do termo municipal que foron convidados a celebrar este acto festivo na vila mariñeira.

O escudo de Mugardos ten a súa orixe nos selos municipais que utilizaba no século XIX. O primeiro deles tiña unha estrela montada sobre unha coroa, aínda que o seu uso foi de curta duración, entre xuño de 1868 e febreiro de 1894, cando a coroa real foi retirada e substituída por unha segunda estrela. Esta nova disposición con só dúas estrelas foi finalmente substituída pola de dúas coroas cunha estrela no medio, que era a fórmula vixente ata agora. “Mugardos debe as dúas coroas do seu escudo, en primeiro lugar por gañar o proceso de vasalaxe no Convento de Montefaro e, en segundo lugar, grazas ao trato que recibiu Mariana de Neoburgo ao seu paso pola rada da vila. É un escudo único e unha historia única que temos o deber de dar a coñecer e valoralo” concluíu o alcalde, que convidou a todos os veciños a sumarse ao acto de izado.

Back to top