O CONCELLO DE MUGARDOS INVESTIGA VARIOS VERTIDOS DE RESTOS DE OBRA, CENTRANDO AS ACTUACIÓNS NA ZONA DA PITA
O Concello de Mugardos informa de que se están a investigar diversos vertidos de restos de obras destacados en distintos puntos do municipio. A prioridade actual céntrase na zona da Pita, onde a Policía Local puido recoller máis información e indicios que poderían permitir identificar ás persoas responsables.
Tras recibir os avisos, os servizos municipais e a Policía Local desprazáronse aos lugares afectados para realizar as primeiras inspeccións e avaliar o alcance dos vertidos. A investigación segue aberta e as actuacións céntranse en determinar a orixe dos residuos e a súa posible relación entre os distintos puntos.
O concelleiro de Obras, Servios e Medio Ambiente, Jorge Manuel Kuntz Peiteado, sinalou que ‘desde o Concello estamos a actuar con toda a seriedade e rigorosidade. Non imos tolerar comportamentos incívicos que poidan causar danos ambientais ou prexudicar a imaxe e o coidado do noso municipio. A Policía Local está estreitando o cerco e seguiremos ata localizar aos responsables”
O Concello lembra que os vertidos incontrolados de materiais de obra constitúen unha infracción grave e poden derivar en sancións económicas importantes, ademais da obriga de repoñer o dano causado. Faise un chamamento á colaboración cidadá para que calquera veciño ou veciña que poida achegar información útil contacte coa Policía Local de Mugardos.