O CONCELLO DE MUGARDOS INICIA OS ACTOS DA TRADICIONAL FESTA DAS PEPITAS
O Concello de Mugardos continúa coa organización dos actos vinculados á celebración das tradicionais Pepitas, unha das festividades máis emblemáticas do municipio. O primeiro dos actos terá lugar o sábado 21 de marzo ás 18:30 horas, coa presentación oficial da madriña das Pepitas, que se celebrará no balcón do Concello de Mugardos. Este evento servirá como acto de apertura simbólica da programación e permitirá dar a coñecer publicamente á madriña que acompañará ás rondallas durante a celebración.
Posteriormente, o sábado 28 de marzo celebrarase o Certame de Rondallas, que terá lugar nas instalacións do Casino Mugardés, reunindo a distintas agrupacións que forman parte desta tradición musical profundamente arraigada na comarca.
A concelleira de Cultura, Begoña Gómez, destacou a importancia de manter viva esta tradición. “As Pepitas forman parte do patrimonio cultural de Mugardos e da identidade do noso pobo. Desde o Concello seguimos traballando para apoiar ás rondallas e garantir que esta tradición continúe viva e poida seguir gozándose por veciños e visitantes”.
Desde o Concello anímase á cidadanía para participar nestes actos e a seguir apoiando unha das celebracións máis queridas do calendario cultural mugardés.