O CONCELLO DE MUGARDOS INICIA O REPARTO DE MÁSCARAS REUTILIZABLES
A Concellería de Benestar Social informa do inicio do reparto de máscaras reutilizables con filtro entre os e as maiores de 70 anos domiciliados no Concello de Mugardos, que serán entregadas por correo ordinario e recibiranse directamente nas caixas de correos das vivendas.
Do reparto encárgase a empresa pública Correos, á que o concello mugardés quere agradecer o seu compromiso, posto que realiza o reparto de xeito completamente gratuíto.
Do mesmo xeito, a concelleira Ana Varela quixo destacar “a solidariedade e o gran traballo que están a realizar os máis de 40 voluntarios e voluntarias que confeccionaron os cubrebocas e que seguen traballando para poder proporcionar material para toda a veciñanza”.
Desde a concellería lémbrase a todos os veciños e veciñas que necesiten axuda, que Protección Civil e os voluntarios e voluntarias coordinados polo concello están á súa disposición para a realización de tarefas como ir á compra, á farmacia ou outro tipo de xestións. Para facer uso deste servizo as persoas interesadas poden chamar aos servizos sociais municipais (981 470 338).