O CONCELLO DE MUGARDOS INICIA O PROCEDEMENTO PARA CONTRATAR O SUBMINISTRO ELÉCTRICO MUNICIPAL POR CASE 3 MILLÓNS DE EUROS
O Concello de Mugardos acaba de iniciar o procedemento administrativo para a contratación do servizo de distribución e subministración eléctrico de todas as instalacións municipais, incluíndo a iluminación pública. Trátase dun contrato de gran envergadura, cun orzamento total de 2.921.282,90 euros e unha duración prevista de 2 anos, prorrogables por outros 2 anos adicionais (un ano por prórroga).
Este procedemento supón a primeira vez que Mugardos leva a cabo unha licitación integral destas características, xa que ata o de agora nunca se tramitou un contrato único para a contratación da enerxía municipal. O concelleiro de Obras, Servizos, Medio Ambiente e TIC, Jorge Manuel Kuntz Peiteado, destacou a importancia técnica e económica deste proceso: “É un contrato moi complexo, o primeiro deste tipo que se realiza no noso concello, e require unha preparación minuciosa. A cantidade pode parecer elevada, pero o noso obxectivo é precisamente o contrario: que Mugardos poida aforrar na factura da luz. Un contrato con estas características permítenos unha mellor planificación e maior capacidade de negociación para reducir o custo enerxético municipal”.
Pola súa banda, a concelleira de Facenda, Ana Varela, subliñou que esta licitación é un paso imprescindible para garantir un uso eficiente dos recursos públicos: “A contratación separada e fragmentada da enerxía non era sostible nin controlable. Con este procedemento damos un salto importante en planificación, estabilidade orzamentaria e transparencia. Un contrato único permitirá ter unha visión clara do gasto enerxético real e introducir medidas de aforro que repercutan directamente nas arcas municipais”.
Varela tamén incidiu na relevancia estratéxica desta iniciativa: “Falamos de case 3 millóns de euros, unha cifra moi relevante para Mugardos. Xestionar de forma rigorosa este contrato é fundamental para garantir que cada euro público utilícese con responsabilidade e sentido común”. O Concello de Mugardos continuará informando sobre os avances do procedemento nas próximas semanas, a medida que se vaian completando os informes técnicos e os pasos administrativos necesarios