O CONCELLO DE MUGARDOS COORDINA UN SIMULACRO DE EMERXENCIA NO CENTRO EDUCATIVO CATRO CAMIÑOS
O Concello de Mugardos informa da realización dun simulacro de emerxencia no Centro Educativo Catro Camiños, un exercicio práctico no que participaron o GES de Mugardos, a Policía Local, a Garda Civil, persoal do propio centro e membros dos servizos municipais. O simulacro recreou un desprendemento parcial da cuberta do patio, que deixaba a varios docentes e menores aparentemente atrapados no interior, co obxectivo de avaliar a capacidade de resposta, a coordinación interinstitucional e os tempos de actuación ante unha situación real de risco.
A concelleira de Educación, Begoña Gómez, destacou a importancia deste tipo de actuacións para reforzar a seguridade da comunidade escolar. “A protección do noso alumnado e do persoal docente é unha prioridade para o Concello. Estes simulacros permítennos comprobar que os protocolos funcionan, que a coordinación entre administracións é efectiva e que o propio centro está preparado para reaccionar ante calquera emerxencia, sinalou.
Pola súa banda, a delegada de Emerxencias, Ana Varela, subliñou o papel esencial dos corpos de intervención. “O traballo conxunto do GES, a Policía Local, a Garda Civil e os servizos municipais é fundamental. Este exercicio permítenos detectar melloras, afinar os tempos de resposta e asegurar que todos os equipos están aliñados para actuar con rapidez e eficacia cando sexa necesario” sinalou. Varela engadiu ademais que “desde o Concello continuaremos reforzando a formación, a prevención e a coordinación entre todas as partes implicadas, porque a seguridade cidadá é un compromiso que mantemos durante todo o ano”.
O Concello de Mugardos agradece a colaboración de todas as entidades participantes e do propio centro educativo, que facilitou o desenvolvemento do exercicio, e lembra que este tipo de simulacros son ferramentas clave para garantir a protección da cidadanía en situacións de emerxencia real.