O CONCELLO DE MUGARDOS CONTINUA COA REVISIÓN DO ALUMEADO PÚBLICO, RETRASADA POLOS EFECTOS DOS TEMPORAIS
O Concello de Mugardos informa de que continúan os traballos de revisión integral do alumado público en todo o municipio, solicitados pola Concellería de Obras, Servizos, Medio Ambiente e TICs, co obxectivo de garantir o correcto funcionamento das instalacións e a seguridade da veciñanza.
Nos últimos días, os temporais de vento e chuvia rexistrados na zona obrigaron a reordenar as prioridades de actuación, xa que xurdiron novas incidencias derivadas das condicións meteorolóxicas. Estas incluíron a caída de ramas, pequenos desprendementos e danos puntuais en vías e mobiliario urbano.
Tanto a empresa concesionaria do servizo de iluminación pública como o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) e a brigada municipal de obras están a traballar de maneira coordinada para resolver as incidencias máis urxentes e restablecer a normalidade canto antes.
O concelleiro delegado, Jorge Manuel Kuntz Peiteado, destacou que “a revisión do alumado continúa activa, pero é evidente que os temporais obrigaron a priorizar actuacións de seguridade e emerxencia. Agradecemos a comprensión da veciñanza e seguimos traballando para garantir un servizo eficiente e seguro en todo o municipio”.