Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE MUGARDOS CONMEMORA O DÍA MUNDIAL DA REANIMACIÓN CARDIOPULMONAR DESTACANDO O SEU COMPROMISO COA FORMACIÓN E A SEGURIDADE VECIÑAL

O Concello de Mugardos súmase hoxe, 16 de outubro, á conmemoración do Día Mundial da Reanimación Cardiopulmonar (RCP), unha xornada destinada a sensibilizar sobre a importancia de coñecer e practicar as técnicas básicas que poden salvar vidas ante unha parada cardiorrespiratoria.

Mugardos conta actualmente cunha rede de 12 desfibriladores (DESA) distribuida por distintos puntos do municipio, incluíndo instalacións deportivas, dependencias municipais e vehículos de emerxencias. Esta rede converte a Mugardos nun dos concellos mellor equipados da comarca en materia de resposta ante emerxencias cardíacas.

O Concello, a través das áreas de Benestar e Emerxencias, impulsou accións formativas en reanimación cardiopulmonar e uso de desfibriladores, dirixidas tanto ao persoal municipal como aos servizos de emerxencia locais. A formación estivo aberta a todo o persoal municipal, facilitando que quen o desexase puidese recibir formación práctica en técnicas de RCP e manexo de equipos DESA. Estas actuacións demostraron o seu valor en situacións reais: recentemente, tanto o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) como a Policía Local de Mugardos interviñeron en dúas emerxencias médicas nas que salvaron a vida de veciños que sufriran unha parada cardiorrespiratoria. Grazas á rápida actuación e ao uso dos desfibriladores municipais, xunto coas manobras de reanimación, logrouse manter con vida ás persoas afectadas ata a chegada dos servizos sanitarios.

A concelleira de Benestar, Patricia Azcárate, destacou que “Mugardos é hoxe un exemplo de como a formación e a prevención salvan vidas. Poucos concellos poden dicir que contan cunha rede tan completa de desfibriladores e con persoal formado e comprometido coa seguridade veciñal. Este é o resultado dunha aposta clara pola saúde pública e a atención de proximidade.” O Concello de Mugardos reafirma así o seu compromiso coa prevención, a formación e a seguridade cidadá, e convida a toda a cidadanía a seguir participando nas futuras actividades de sensibilización sobre primeiros auxilios e reanimación cardiopulmonar.

Back to top