O CONCELLO DE MUGARDOS CELEBRA A REUNIÓN DE PLANIFICACIÓN DE SERVIZOS SOCIAIS DE CARA Ó VINDEIRO ANO 2026
O Concello de Mugardos informa da celebración hai uns días da reunión de planificación e organización dos Servizos Sociais municipais, un encontro de traballo no que participaron o equipo técnico do departamento e a concelleira de Benestar Social, Patricia Ruiz de Azcárate.
A reunión tivo como obxectivo definir as liñas estratéxicas e as prioridades de actuación para o vindeiro ano, revisando os programas existentes e estudando novas medidas para mellorar a atención e o acompañamento ás persoas e familias que utilizan os servizos municipais. Durante o encontro abordáronse cuestións relativas á optimización dos recursos, a coordinación con outras administracións, a avaliación dos proxectos en marcha e a previsión de novas iniciativas destinadas a reforzar a autonomía persoal, o apoio a maiores, a protección de menores e a cobertura de situacións de vulnerabilidade.
A concelleira de Benestar Social, Patricia Ruiz, destacou a importancia desta reunión para garantir unha planificación sólida e realista. “É fundamental anticiparse ás necesidades do vindeiro ano e traballar cunha visión estratéxica. O noso obxectivo é seguir mellorando a atención ás persoas usuarias, fortalecer os programas existentes e asegurar que os Servizos Sociais de Mugardos continúen sendo un recurso próximo, accesible e eficaz para toda a cidadanía”. Azcárate engadiu que “o compromiso do Concello é claro: seguir reforzando a área de Benestar Social, mellorar a coordinación co tecido asociativo e manter unha escoita activa cara ás necesidades das familias e colectivos máis vulnerables. A planificación é clave para garantir unha intervención social de calidade”.
O Concello de Mugardos agradece o traballo do equipo técnico e lembra que a mellora continua dos Servizos Sociais forma parte das prioridades do goberno municipal.