O CONCELLO DE MUGARDOS AVANZA NO PROXECTO DA FUTURA BIBLIOTECA MUNICIPAL
O Concello de Mugardos continúa avanzando no proxecto da futura biblioteca municipal, unha infraestrutura clave para o impulso cultural e educativo do municipio.
O proxecto técnico xa foi remitido polo equipo redactor unha vez finalizado, e nos próximos días será presentado aos distintos grupos municipais. Posteriormente, darase traslado do mesmo aos veciños e veciñas, co obxectivo de fomentar a participación e o coñecemento do proxecto.
O documento incorpora unha actualización orzamentaria motivada polo incremento xeneralizado dos custos dos materiais desde a elaboración da memoria previa no ano 2021, así como pola adaptación á normativa vixente en materia de seguridade. Esta revisión supón un sobrecusto aproximado do 18%, que se traduce nun incremento duns 217.000 euros.
Neste contexto, o alcalde de Mugardos, Domingo de Deus, mantivo a pasada semana unha reunión co conselleiro de Cultura da Xunta, José López Campos, para abordar esta situación e analizar posibles vías de apoio económico que permitan garantir a viabilidade do proxecto.
“O obxectivo do goberno municipal é que Mugardos conte cunha biblioteca moderna, accesible e adaptada ás necesidades actuais, sen comprometer a estabilidade financeira do Concello. Por iso estamos a traballar activamente para obter o respaldo necesario doutras administracións”, sinalou o alcalde.
Ata coñecer o alcance da posible colaboración institucional, o goberno local decidiu manter abertas diversas negociacións relacionadas con este proxecto, priorizando sempre o interese xeral e a correcta xestión dos recursos públicos.
Desde o Concello de Mugardos reafírmase o compromiso co desenvolvemento cultural do municipio e coa posta en marcha de infraestruturas que contribúan a mellorar a calidade de vida da cidadanía.