O CONCELLO DE MUGARDOS AVANZA NA LICITACIÓN DO CONTRATO DE MANTEMENTO DE ZONAS VERDES
O Concello de Mugardos xa finalizou o traballo técnico para a elaboración do novo prego do contrato de mantemento de zonas verdes, un servizo esencial para garantir o adecuado coidado, conservación e mellora dos espazos públicos do municipio. Este contrato será licitado nas próximas semanas, xa que o anterior vence a finais deste ano.
O novo contrato terá un valor total de 231.594 euros para un período inicial de 2 anos, coa posibilidade dunha prórroga adicional de 1 ano. Ademais, incorpórase unha partida adicional do 10% do orzamento (19.140 euros) destinada a atender necesidades extraordinarias ou actuacións non contempladas inicialmente no prego, pero que poidan ser necesarias durante a execución do servizo.
O concelleiro de Obras, Servizos, Medio Ambiente e TIC, Jorge Manuel Kuntz Peiteado, destacou a importancia deste procedemento para a mellora continua do mantemento urbano. “Estamos a actualizar un contrato fundamental para Mugardos. As zonas verdes necesitan un servizo estable, planificado e dotado de medios suficientes. Este novo prego permitiranos mellorar a calidade do mantemento, ampliar a capacidade de resposta e garantir que os espazos públicos mantéñanse en condicións óptimas para uso e goce de todos os veciños e veciñas” explicou.
Kuntz Peiteado tamén subliñou a necesidade de incorporar unha partida adicional flexible. “Incluímos un 10% extra do orzamento para poder afrontar traballos non previstos inicialmente. No día a día xorden necesidades urxentes ou puntuais que non poden esperar. Con esta reserva económica aseguramos que o servizo poida adaptarse sen atrasos nin trámites adicionais.” O Concello de Mugardos continuará informando dos avances do proceso de licitación e das melloras previstas no ámbito do mantemento urbano.