O CONCELLO CONSTITÚE O COMITÉ DE SEGURIDADE DA INFORMACIÓN PARA REFORZAR A PROTECCIÓN DOS DATOS MUNICIPAIS
O Concello de Mugardos constituíu o Comité de Seguridade da Información, un novo órgano destinado a reforzar a protección dos datos municipais e a garantir o cumprimento dos estándares establecidos no Esquema Nacional de Seguridade.
Con esta iniciativa, o goberno municipal dá un paso máis no seu compromiso coa modernización administrativa, a protección da información pública e a mellora da confianza da cidadanía nos servizos dixitais do Concello. A creación deste comité súmase ás accións xa impulsadas nos últimos anos, como a modernización dos equipos informáticos, a mellora dos sistemas de xestión de expedientes, o impulso da tramitación electrónica e o reforzo das medidas de seguridade e protección de datos, o que supuxo un salto cualitativo na comunicación entre a Administración local e os veciños.
O alcalde, Juan Domingo de Deus Fonticoba, destacou que “a seguridade da información é un piar fundamental para un Concello moderno e transparente. Este comité permítenos reforzar a protección dos datos municipais e avanzar na dixitalización con todas as garantías”.
Pola súa banda, a concelleira de Facenda e Emerxencias, Ana Varela Bastida, subliñou que “a constitución deste comité é unha medida clave para asegurar que os sistemas municipais cumpren cos máximos estándares de seguridade, protexendo tanto a información interna como os datos persoais da cidadanía”.
Desde o Concello continuarase traballando para consolidar unha Administración máis eficiente, segura e próxima, apostando pola innovación tecnolóxica ao servizo do interese xeral.