Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO COLABORA COS CENTROS DE ENSINO NA PREPARACIÓN DO NOVO CURSO ESCOLAR

A Concellería de Ensino está a colaborar coas direccións dos centros sitos no concello para a posta en marcha do novo curso escolar 2020-2021. Esta mesma mañá celebrouse un novo encontro de coordinación coas direccións dos centros, a terceira das últimas semanas, para seguir traballando no inicio do curso escolar de maneira conxunta e eficiente.

Son moitas as medidas anti-COVID nas que o concello traballará da man dos centros de ensino de titularidade municipal e nas que se ven traballando arreo desde fai semanas, como no reforzo dos traballos de limpeza, con maior presencia de persoal logo do inicio por parte do concello do expediente de contratación dunha empresa que se encargará exclusivamente da desinfección dos aseos dos centros un mínimo de 3 veces ao día. Así mesmo, a administración local encargarase da reposición aos centros do material desinfectante que se porá a disposición de traballadores e alumnado.

Operarios municipais encargaranse da instalación de mamparas para as aulas de PT e AL, portarrollos de papel en todas as aulas e alfombrillas desinfectantes para os accesos aos comedores escolares.

Así mesmo, o goberno municipal acordou cos centros mugardeses a cesión do uso da máquina de ozono para a desinfección do aula COVID (aula destinada ao illamento de posibles casos sospeitosos entre persoal e alumnado). Cederanse tamén por parte do concello termómetros para o control de temperatura do alumnado de todos os centros de ensino.

Na Escola Infantil Municipal “As Lagoas”, a Concellería de Benestar adaptou tamén os espazos ao protocolo remitido pola empresa concesionaria do servizo FESAN, e que obriga tamén á realización dalgúns cambios no funcionamento da escola como a imposibilidade por regra xeral de acceder ao centro dos nais e pais, o establecemento de horarios fixos de entrega e recollida dos nenos e nenas, ou a necesidade de que os traballadores e traballadoras do centro deban levar máscara facial ou pantalla en todo momento, entre outras moitas circunstancias das que nais e pais son informadas en todo momento.

En canto aos medios materiais acondicionados para o centro, o concello habilitou un espazo nas instalacións como vestiario para as traballadoras, así como un novo zapatero para os nenos e nenas que segundo a normativa debe atoparse na entrada das instalacións. Tamén adquiriuse unha secadora para permitir que os téxtiles non teñan que sair do centro para o seu lavado.

“Non é un curso normal, pero traballamos para facelo o mellor posible. A educación e a saúde dos máis novos é unha prioridade non xa do goberno municipal, se non da nosa sociedade. Os centros mugardeses dependentes da Xunta saben que poden contar con nós en todo momento, e faremos todo canto esté nas nosas mans para lograr a máxima colaboración. A comunidade educativa ao completo: docentes, equipos directivos, administracións, nais e pais e alumnado temos que estar máis unidos que nunca, porque o reto ao que nos enfrentamos é enorme” afirmou Begoña Roldós, responsable do departamento.

Roldós confirmou que o “traballo conxunto entre os centros e o concello é semanal e constante. Estamos moi satisfeitos dos resultados que está a dar esta colaboración e agradecemos ás direccións dos centros a confianza que depositan en nós. Aínda que a formación académica non sexa unha competencia municipal, si é de máximo interese deste goberno o benestar e a saúde da nosa veciñanza”.

Back to top