O CONCELLO AVANZA NO PROCESO DE EXPROPIACIÓN EN O MONTE PARA A AMPLIACIÓN DO SANEAMENTO COA SINALIZACIÓN DAS PARCELAS
O Concello de Mugardos continúa avanzando no proxecto de expropiación forzosa dos terreos necesarios na zona de O Monte (Santiago de Franza) para a execución da ampliación da rede municipal de saneamento de augas residuais, tras a declaración de urxencia aprobada pola Xunta de Galicia mediante o Decreto 44/2025, do 9 de xuño de 2025, para esta actuación.
A actuación responde á necesidade de dotar de servizos de saneamento a pequenos núcleos de poboación e enlazalos coa rede municipal de saneamento, en cumprimento da Directiva 91/271/CEE sobre tratamento de augas residuais urbanas. O concelleiro de Obras, Servizos e Medio Ambiente do Concello de Mugardos, Jorge Manuel Kuntz Peiteado, sinalou que “coa firma do decreto de urxencia pola Xunta de Galicia, estamos en posición de actuar con maior rapidez para garantir que esta infraestrutura esencial chegue ás parcelas afectadas. Nas próximas semanas sinalizaremos os terreos e avanzaremos para licitar a obra, de modo que o proxecto poida continuar sen demoras.”
Un dos próximos pasos do proceso consiste na sinalización das parcelas afectadas para a licitación de obra e que se poidan executar os traballos ao longo da primeira metade do ano 2026. O goberno municipal reafirma o seu compromiso coa mellora da rede de saneamento, a sustentabilidade do municipio e a calidade de vida da súa cidadanía, avanzando con planificación, coordinación interadministrativa e transparencia.