O CONCELLO AVANZA NA CONSOLIDACIÓN DO MODELO DE COLONIAS FELINAS COA PRESENTACIÓN DUN NOVO PROGRAMA MUNICIPAL
O Concello de Mugardos presentou o pasado xoves 21 de maio en comisión unha proposta de Programa de Xestión de Colonias Felinas, un documento estratéxico que servirá como folla de ruta para consolidar, ordenar e mellorar o actual modelo CER (Captura, Esterilización e Retorno) no municipio. Este programa establece as directrices organizativas e técnicas necesarias para reforzar o control e benestar das colonias felinas existentes, garantindo unha xestión máis eficaz e planificada destes espazos.
Entre os seus principais obxectivos atópanse a mellora do seguimento sanitario dos animais, a redución progresiva do número de exemplares mediante o control da natalidade, así como unha intervención máis coordinada en cada colonia. Ademais, o documento regula a organización do persoal voluntario coidador, definindo funcións, criterios de actuación e condicións que deberán reunir as colonias autorizadas dentro do termo municipal.
Un dos aspectos máis relevantes desta proposta será a implantación dun sistema de documentación, seguimento e mapeo de colonias felinas en Mugardos, que permitirá coñecer con maior precisión a situación actual e planificar futuras actuacións de xeito máis eficiente. O alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus, destacou que “este programa supón un paso importante para seguir ordenando e mellorando a xestión das colonias felinas no noso municipio, avanzando cara a un modelo máis planificado, sostible e que garanta tanto o benestar animal como unha axeitada convivencia veciñal”.
Con esta iniciativa, o Concello continúa avanzando na mellora de ferramentas de xestión municipal orientadas a unha maior planificación, control e sustentabilidade.