Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO APROBA A NOVA POLÍTICA DE SEGURIDADE DA INFORMACIÓN PARA REFORZAR A PROTECCIÓN DOS SISTEMAS MUNICIPAIS

O Concello de Mugardos aprobou a nova Política de Seguridade da Información, baseada no “Modelo de Gobernanza”, actualizando o seu marco de traballo para reforzar a protección dos sistemas TIC municipais e garantir a prestación segura e continua dos servizos públicos.

A nova política establece as directrices que deberán seguir todos os departamentos municipais para cumprir co Esquema Nacional de Seguridade (ENS): protección fronte a ameazas dixitais, incorporación de requisitos de seguridade en todos os proxectos tecnolóxicos, seguimento de vulnerabilidades, e capacidade de resposta ante incidentes co fin de asegurar a dispoñibilidade, integridade e confidencialidade da información.

Ademais, o documento define a creación dos roles de seguridade necesarios e a constitución dun Comité de Seguridade da Información, encargado de coordinar as medidas e supervisar o seu cumprimento. O concelleiro de Obras, Servizos, Medio e TIC, Jorge Manuel Kuntz Peiteado, destacou que esta actualización supón “un paso necesario para modernizar e fortalecer a infraestrutura tecnolóxica municipal. O Concello depende cada vez máis dos sistemas dixitais para prestar servizos esenciais, e é a nosa responsabilidade garantir que funcionen con seguridade e fiabilidade. Con esta nova política aliñada co Esquema Nacional de Seguridade, damos un salto adiante en protección, prevención e capacidade de resposta”, explicou. Kuntz engadiu que esta renovación forma parte da estratexia municipal de transformación dixital. “Queremos que a cidadanía poida relacionarse co Concello con confianza, utilizando trámites en liña seguros, rápidos e transparentes. A seguridade da información é a base que permitirá seguir ampliando servizos electrónicos e mellorar a eficacia da administración”. Con esta aprobación, o Concello de Mugardos reforza o seu compromiso coa modernización tecnolóxica e cunha xestión pública máis eficiente, segura e orientada ás necesidades da veciñanza.

Back to top