O CONCELLO ADQUIRE UNHA NOVA CÁMARA TÉRMICA PARA OS GES
Este dispositivo permitirá mellorar as intervencións no caso de incendio
Mugardos, 12 de xullo de 2022. O concelleiro delegado do Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES), Miguel Mahía, anunciou hoxe a compra dunha nova cámara térmica para o equipo de Emerxencias, que permitirá detectar puntos de calor no interior dos incendios.
O instrumental xa está operativo posto que os membros do GES están formados no seu funcionamento, e resulta de enorme utilidade cando durante unha intervención os equipos de emerxencia non dispoñan de visibilidade a causa do lume, xa que coa cámara térmica poderán detectar focos e incluso a presenza dalgunha persoa.
Trátase dunha cámara termográfica manual de calidade profesional da marca FLIR, que permitirá atopar problemas ocultos nos lumes por falta de visibilidade, trasladando medicións de temperatura precisas, coa que os membros do GES poderán tomar decisións en situacións de risgo con máis información.
“Esta inversión permite intervencións máis seguras, rápidas e eficientes dos GES en caso de incendio, e por suposto mantemos o noso compromiso de dotar de medios ao noso servizo de emerxencias” sinalou Mahía.