O CENTRO SOCIAL DE MAIORES MUNICIPAL ABRE MAÑÁ AS SÚAS PORTAS
A concellería de Benestar Social informou da reapertura do Local Social de Maiores municipal sito na rúa Castelao da vila a partir de mañá mércores 1 de xullo.
O horario de apertura será de 17.30 a 21.00 horas coa limitación do aforo imposta pola obrigatoriedade de manter a distancia social de 1,5 metros. Así mesmo, o uso de máscara facial no interior do local será obrigatorio.
En canto ás medidas hixiénico-sanitarias, o concello informa de que as cadeiras serán desinfectadas sempre antes e despois de usalas, así como os aseos, e de que se teñen acondicionado dispensadores de xel desinfectante que estarán a disposición para o seu uso.
Para os xogos de mesa, o concello solicita aos usuarios e usuarias que sexan eles mesmos os que traian os xogos para evitar posibles riscos.
A concelleira Ana Varela quixo destacar que “despois de tantos meses pechado, anunciar a reapertura do local social é unha alegría para todos. Desde o concello poñemos a disposición dos usuarios e usuarias as medidas de prevención necesarias pero pedímoslles a todos e todas a máxima responsabilidade”.
A concelleira confirmou que xa non se reiniciarán neste curso os obradoiros que de xeito habitual impártense no local social, e desde o departamento traballan agora coa previsión de retomalos no mes de outubro.
“O Local Social de Maiores é un eixe fundamental dentro das políticas sociais que desenvolve o departamento de benestar municipal. É unha ferramenta de socialización e dinamización moi importante para nós, e esperamos que nos próximos meses poidamos pór en marcha os programas que tiñamos previstos para dotar de maior contido e actividades o centro” finalizou a concelleira.