Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O ALCALDE SOLICITA A PARTICIPACIÓN DA VECIÑANZA NO CRIBADO QUE SE VAI REALIZAR EN MUGARDOS

O alcalde de Mugardos Juan Domingo de Deus quixo animar aos mugardeses e mugardesas a participar no cribado que o Sergas vai realizar á poboación entre 40 e 50 anos, que se desenvolverá entre hoxe mércores día 3 e o próximo venres día 5.

En total son 620 persoas as que están chamadas a participar voluntariamente nesta iniciativa. O motivo do rango de idade elixido para a realización da proba é exclusivamente sanitario xa que, segundo a análise dos datos de contaxios xa coñecidos e o seu estudo por parte dos especialistas, este é o rango de idade onde existe un maior risco de focos de positivos sen detectar entre a poboación mugardesa.

“Pedimos á veciñanza que teña confianza nos expertos, que son os que saben onde hai que buscar. Nin este goberno municipal nin a maioría da poboación somos expertos en epidemioloxía, e os que si o son, pensan que en Mugardos o máis útil, eficiente e necesario é facer un cribado na poboación entre 40 e 50 anos. Noutros concellos fanse cribados só nun centro escolar, ou nunha franxa de idade máis pequena ou máis grande, e sempre a decisión tómase por persoas expertas e con criterios sanitarios. Entendemos que a poboación está cansada e calquera medida neste momento é susceptible de crear opinións encontradas, pero por solidariedade e responsabilidade debemos confiar nos expertos que teñen os datos e coñecen a situación epidemiolóxica do noso concello á perfección” sinalou Juan Domingo de Deus en resposta ás queixas dalgúns veciños por non ser chamados ao cribado por cuestión de idade.

As probas realizaranse no autoCOVID na contorna do centro de saúde a partir de hoxe ás 16.00 horas, e as persoas chamadas a participar no cribado son citadas por mensaxe de texto que recibirán nos seus teléfonos. Tanto Policía Local como Protección Civil colaborarán activamente no despregamento das medidas necesarias para coordinar os vehículos e asistentes ao lugar.

Aínda que se trata dunha proba totalmente voluntaria, desde o concello considérase moi recomendable que se participe para poñer fin aos contaxios entre a poboación.

O alcalde lembrou que para calquera dúbida, aclaración ou información complementaria, as persoas deben poñerse en contacto co centro de saúde, chamando ao 981 470 836.

Por outra banda, para actualizar os datos da tarxeta sanitaria, trámite moi recomendable na actual situación de pandemia, pode facerse a través da web do Sergas (con certificado dixital), no centro de saúde ou chamando ao teléfono do servizo Tarxeta Sanitaria 981 569 540.

Back to top