Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O ALCALDE DE MUGARDOS REITERA Á DEPUTACIÓN A NECESIDADE DE CONCRETAR O PROXECTO DE SENDA ENTRE FONTE GRANDE E O SEIXO

O alcalde de Mugardos e concelleiro de Urbanismo, Juan Domingo de Deus, mantivo a pasada semana unha reunión coa deputada responsable de Vías e Obras da Deputación da Coruña co obxectivo de retomar o proxecto da senda peonil na estrada DP-3504, no tramo comprendido entre Fonte Grande e O Seixo, ao seu paso pola Barca. O rexedor trasladou a importancia de concretar este proxecto, que busca garantir a seguridade de peóns, ciclistas e escolares que transitan por esta vía, especialmente en zonas con curvas ou visibilidade reducida.

Desde o Concello lémbrase que esta estrada é de competencia provincial, polo que tanto o seu mantemento como as actuacións de mellora dependen da Deputación da Coruña. O alcalde destacou que o proxecto foi exposto hai varios anos e que, aínda que no seu momento anunciouse a intención de executalo, todavía non se presentou nin o proxecto técnico nin un calendario de actuación.

Durante o encontro, o Concello reiterou a súa plena disposición a colaborar coa Deputación na fase de deseño e planificación, achegando información técnica, estudos e apoio loxístico para facilitar o desenvolvemento da obra. O alcalde, Juan Domingo de Deus, sinalou que “esta senda non é só unha mellora urbana, senón unha actuación prioritaria de seguridade viaria. Os veciños e veciñas levan anos reclamando unha solución que permita desprazarse de maneira segura entre Fonte Grande e O Seixo, e desde o Concello seguiremos insistindo ata que o proxecto sexa unha realidade”. De Deus engadiu que “Mugardos sempre mostrou vontade de colaboración e o seguirá facendo, pero é necesario que a Deputación concrete prazos e compromisos reais para que esta infraestrutura, tan necesaria, deixe de ser unha promesa e convértase nun feito”. O Concello de Mugardos mantén o seu compromiso de traballar con todas as administracións implicadas para mellorar a mobilidade, a accesibilidade e a seguridade das persoas no municipio.

Back to top