O ALCALDE DE MUGARDOS INSTA A REGANOSA A RETIRAR A DEMANDA PRESENTADA CONTRA O CONCELLO E RETOMAR O DIÁLOGO
Mugardos, 27 de outubro de 2021.- O alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus, sinalou esta mañá que os argumentos feitos públicos onte pola empresa Reganosa para xustificar a demanda presentada contra o concello por 6 millóns de euros “Non son certos” , e pediu á dirección da empresa que reconsidere a súa posición, retire a demanda e retome a vía de diálogo co concello.
O alcalde foi contundente á hora de expoñer a realidade sobre a demanda presentada pola gasista “Non é certo que denuncien ao Concello para solicitar o cumprimento dunha sentenza. Non hai sentenza en ningún xulgado, nin en España nin en ningún outro lugar, que inste ao Concello de Mugardos a devolver un só euro a Reganosa”.
O concelleiro de Facenda, Miguel Mahía, quixo botar luz sobre a reclamación formulada pola empresa “Hai unha resolución do TEAC (Tribunal Central Económico-Administrativo, dependente do Ministerio de Facenda), que non é unha sentenza xudicial, que recoñece que Reganosa foi colocada nunha epígrafe errónea do Imposto de Actividades Económicas (IAE), pero non é o Concello o que sitúa as empresas nas epígrafes do IAE, se non a Axencia Tributaria; polo tanto, nada obriga ao Concello a ter que devolver eses cartos á empresa. Entendemos que para a empresa o tema das liquidacións do IAE puido ser un problema, xa que o cambio de epígrafe permitiría pagar menos impostos, e mesmo entendemos que valoran a existencia dun prexuízo económico pola partida do IAE no que enmárcanse, pero isto en ningún caso é competencia municipal. Os rexistros de recadación do IAE non están elaborados polo Concello, se non por Facenda, e en todo caso, en todos estes anos, a empresa non presentou reclamacións nin recursos ante ningún dos rexistros aprobados e publicados”.
Tanto o rexedor municipal como o titular do departamento económico quixeron deixar constancia do seu interese en conversar en todo momento coa empresa. Centos de mugardeses traballaron en Reganosa desde o inicio da súa construción en 2003 ata hoxe, e o balance deste traballo conxunto sempre foi moi positivo para todos. Así mesmo, está claro que a colaboración entre a administración local e Reganosa tamén deu os seus froitos. Xuntos xeramos riqueza, melloramos o patrimonio cultural e deportivo e valoramos as nosas tradicións. É por todo isto polo que agardamos sinceramente que se poida reconducir a situación, e que a próxima vez que teñamos que falar de Reganosa sexa anunciar a súa colaboración nos grandes proxectos que este goberno municipal ten para Mugardos”, concluíu Deus.
“Reiteramos publicamente o que trasladamos á empresa en todas as reunións mantidas con eles. Defender os dereitos dos mugardeses pasa tamén por colaborar con Reganosa para que teñan apoio institucional á hora de reclamar se consideran que hai un prexuízo económico nos asentamentos do IAE; pero nin as liquidacións nin os supostos prexuízos económicos serían competencia do concello nin dos mugardeses. Non é o Concello de Mugardos a quen se lle deben reclamar os cartos e, polo tanto, é a nosa obriga defender a administración local e, sobre todo, os intereses dos nosos veciños”, quixo salientar Mahía.