Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

NOVO CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE O CONCELLO E O CLUB DO MAR

A Concellería de Deporte informa da firma do convenio de colaboración entre o Concello de Mugardos e o Club do Mar de Mugardos por 24.000 euros para a promoción da actividade deportiva e manter o compromiso coa sociedade deportiva.

O convenio ten por obxecto establecer o marco de colaboración entre o Concello e o Club do Mar para apoiar e promover a actividade deportiva xeral, tanto na organización de eventos deportivos no Concello de Mugardos como na da práctica regular de actividade física da cidadanía mugardesa, e máis concretamente promover a participación da mocidade no deporte base, de tal xeito que as actividades obxecto de subvención estarán abertas a todas/os nenas/os e á mocidade, non podendo esixir a condición de socio/a para participar na práctica deportiva.

A finalidade directa da subvención concedida centrarase na participación en competicións, torneos, ligas e/ou regatas oficiais, mantemento das escolas deportivas e organización de eventos deportivos e/ou campeonatos. Poderase tamén xustificar gastos en roupa deportiva, licencias, desprazamentos, seguros, inscripción en competicións, ou gastos correntes (luz, auga, teléfono, internet…).

A concelleira Begoña Roldós congratulouse da firma do convenio entre o clube e o concello xa que “grazas ao acordo alcanzado, o clube disporá dun compromiso e dun apoio institucional para desenvolver as súas actividades e ofrecer á veciñanza un lugar de encontro que forma parte xa da tradición mugardesa dentro do mundo deportivo e social”.

Roldós subliñou que “o noso obxectivo é fomentar o tecido asociativo do noso municipio. E a sinatura dos convenios será froito da reflexión coas entidades, por que pretendemos establecer relacións estables e duradeiras, facilitando así a xestión das sociedades”.

Back to top