Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

MUGARDOS TRABALLA NUN CONVENIO COA SAREB PARA A CREACIÓN DUN PARQUE MUNICIPAL DE VIVENDAS

O alcalde Juan Domingo de Deus anunciou hoxe que o goberno leva semanas traballando nun convenio coa SAREB para a creación dun parque de vivendas municipal que contará cunha bolsa de 10 pisos para alugar ás familias mugardesas.

O Concello de Mugardos encargarase de amueblar e preparar as vivendas para deixalas en condicións de habitabilidade, e cobrará un alugueiro ás familias usuarias das mesmas en función da súa renda dispoñible.

Desde o goberno municipal valorouse que a falta de vivendas accesibles no concello dificulta o seu acceso aos colectivos máis desfavorecidos (rendas baixas, situacións sobrevidas, mocidade, etc)., e por outra banda, concluíuse que o concello debía adoptar medidas de apoio ás familias de xeito urxente para loitar contra o despoboamento que Mugardos vén sufrindo nas últimas décadas. “Pensamos que a posta dun parque municipal de vivendas para a súa ocupación en réxime de alugueiro é unha medida que pode iniciar este camiño” sinalou o alcalde.

Juan Domingo de Deus confirmou así mesmo que “esta iniciativa municipal esixe a aprobación dun regulamento de acceso a estas novas vivendas e das condicións básicas que rexerán os arrendamentos, e desde o goberno municipal gustaríanos contar co apoio unánime do resto dos grupos políticos, xa que estamos a falar de poñer os piares de decisións estratéxicas para o futuro das políticas sociais do Concello de Mugardos”.

Back to top