Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

MUGARDOS SÚMASE Á DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA FEGAMP CON MOTIVO DO 25-N

O Concello de Mugardos integrante da Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, súmase á declaración institucional da FEGAMP polo Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres_ 25N, que leva por lema #quechedoemáis

O texto condena  todas as formas de violencia machista e reclama  unha resposta firme, coordinada e continuada; A declaración lembra ás mulleres vítimas de todas as expresións da violencia machista, ás mulleres asasinadas e ás que viven baixo a ameaza,o control ou o maltrato, así como ás súas fillas e fillos, vítimas directas desta violencia. 

Estende tamén a lembranza ás familias e ás persoas próximas ás vítimas, que sofren as consecuencias irreparables desta realidade.

Segundo os  datos provisionais da Delegación do Goberno contra a violencia de xénero, na data da elaboración da declaración, leva rexistradas en España 44 mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas no que vai de ano, unha delas en Galicia, ademais de tres menores tamén asasinados.

Estas cifras non poden quedar nunha estatística, cada caso representa unha vida truncada, unha contorna familiar afectada e unha chamada de atención sobre a necesidade de reforzar a prevención, a detección temperá, a protección e a atención integral.

Resulta imprescindible actuar sobre as causas da violencia machista, como a desigualdade estrutural, os estereotipos sexistas, o control nas relacións afectivas e os discursos que minimizan ou xustifican a violencia. Neste sentido, destaca a importancia de prestar especial atención á mocidade e ás novas formas de violencia dixital e sexual, promovendo relacións baseadas no respecto, no consentimento, na liberdade e no bo trato.

A declaración conclúe cunha mensaxe firme do municipalismo galego: “Non hai igualdade real mentres persista a violencia machista. Non pode haber neutralidade posible ante quen a exerce, a xustifica, a minimiza ou a nega. Non se pode mirar para outro lado”. Compromiso que debe facerse visible nos orzamentos, nos servizos, nas campañas de sensibilización, na contratación pública e en todas as decisións que contribúan a construír concellos máis seguros, igualitarios e libres de violencia.

Back to top