Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

MUGARDOS SEGUE CO IMPULSO Á ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA

Concello e Subdelegación do Goberno programan unha charla para o próximo 15 de febreiro no salón de plenos

O alcalde, Juan Domingo de Deus e o concelleiro de Participación, José Miguel Mahía, informaron hoxe da organización dunha charla formativa de achega da administración á veciñanza, que terá lugar no salón de plenos da Casa do Concello o próximo mércores 15 de febreiro, desde as 11.30 horas, na que os funcionarios da Subdelegación do Goberno asesorarán sobre trámites e xestións electrónicas dispoñibles, e especialmente da obtención do certificado dixital e a Chave permanente.

Todas as persoas interesadas en asistir deberán confirmar a súa asistencia a través do correo electrónico participación@mugardos.gal ou da aplicación Whatsapp “Mugardos en liña”. “O día da charla so será necesario que acudan co seu DNI” sinalou o responsable de Participación. 

Así mesmo, aqueles que o desexen poden acudir cunha memoria USB para que, se están interesados e coa axuda dos técnicos presentes, poder xestionar a solucitude do seu certificado dixital no propio evento.

O alcalde Juan Domingo de Deus quixo destacar a intensa campaña que estase a desenvolver en Mugardos no eido da dixitalización “Estamos a recoller os froitos do traballo feito, xa que un dos obxectivos do goberno municipal é avanzar na administración electrónica e na dixitalización do municipio. As charlas do Sergas no Centro de Saúde, a xornada formativa da Subdelegación ou avance no despliegue da rede de internet no rural mugardés, son algúns exemplos. Fixemos unha aposta polo uso da tecnoloxía na Administración Local e agora tócanos avanzar no seu grao de coñecemento e uso entre os mugardeses e mugardesas”.

Esta charla enmárcase dentro do impulso de medidas que faciliten á veciñanza a súa relación coas Administracións Públicas e, de de xeito especial, poder realizar trámites electrónicos para acceder aos servizos públicos, e así eliminar a denominada fenda dixital e acercar a administración electrónica á cidadanía, cunha especial atención aos maiores.

O concelleiro incidiu en que “desde a área de Participación Cidadá estamos a impulsar medidas para facilitar aos veciños a súa relación coas administracións públicas, e de forma especial cos trámites electrónicos. Trátase de axudar aos veciños de Mugardos a que lle perdan o medo ao uso da sede electrónica e darlles a facilidade de realizar xestións desde a súa casa sen necesidade de trasladarse ao Concello, como pode ser presentar instancias, darse de alta en servizos públicos, etc”.

Mahía convidou á venciñanza, ás entidades e ás asociacións municipais a asistir e participar nesta charla, e confirmou que en función das peticións recibidas valorarase a posibilidade de realizar máis charlas das que se informaría coa debida antelación.

Back to top