Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

MUGARDOS REMATA AGOSTO COA FESTA INFANTIL DO DEPORTE

Mañá martes no Peirao, en horario de 11:00 a 13:30 horas

A concelleira de Deportes, Begoña Roldós, presentou esta máñá a Festa infantil do Deporte que organiza o concello mugardés e que dará fin ás actividades municipais de verán.

O evento desenvolverase no peirao mugardés e estará cheo de auga, deporte e diversión, con inchables acuáticos para todas as idades a partir de 3 anos, e xogos splash. A concelleira confirmou que este ano é o da “consolidación dunha actividade para a xuventude mugardesa que pon peche de ouro ao verán. Este é o exemplo perfecto das actividades que este goberno gosta de programar, unindo deporte e diversión ao aire libre e nunha das preciosas contornas mugardesas”.

Desde a concellería recomendan que os nenos e nenas que desexen participar vaian con traxe de baño, protección solar xa posta, unha muda e calzado adecuado para zona de auga (tipo chanclas).

Roldós aproveitou para facer balance do verán, no que tanto desde o punto de vista turístico como cultural e deportivo, a programación municipal obtivo moi bos resultados “Os cambios realizados na programación de verán foron moi ben acollidos pola vaciñanza e os visitantes. Ampliamos a programación infantil con eventos repartidos por todas as parroquias, renovamos case por completo a Festa do Polbo, modificamos a ubicación dos concertos nas Festas do Carmen, intensificamos a colaboración municipal nas actividades do tecido asociativo, especialmente aumentando a oferta deportiva e cultural. Estamos moi satisfeitos cos resultados obtivos, e dando por descontado que quedan cousas por mellorar, sen dúbida a aposta foi arriscada pero pensamos que pagou a pena por que Mugardos deu un salto de calidade na súas propostas de verán”.

No departamento de Cultura e Deportes non se descansa, e Roldós sinalou que “xa estamos a traballar na programación do outono – inverno, que aínda que non é tan intensa como no verán, estamos a darlle tamén unha volta importante, especialmente ás festividades máis tradicionáis como son o Samaín e Nadal”.

Back to top