Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

MUGARDOS RECUPERA A XUNTAZA DE MAIORES EN BEIRAMAR

A merenda celebrarase o vindeiro 6 de agosto ás 18.30 horas

Mugardos, 28 de xullo de 2022. A concelleira de Benestar Social, Ana Varela, presentou hoxe a nova edición da ‘Merenda de maiores’ para a veciñanza mugardesa, que terá lugar o próximo sábado 6 de agosto no parque de Beiramar.

A merenda, totalmente gratuíta para os veciños e veciñas dará comezo ás 18.30 horas, e estará amenizada polo grupo Pasión, celebrarase baixo carpa e polo tanto, terá un aforo limitado.

Para facilitar o traslado dos maiores ata Beiramar, o Concello de Mugardos pon a disposición da veciñanza un servizo de autobús, tamén gratuíto, que sairá ás 18.00 horas da Avenida de Galicia (diante da Casa do Concello), con paradas na parada de bus da Pedreira, en Franza diante do CEIP Santiago Apóstol e en San Xoán de Piñeiro na parada situada antes da rotonda. O autobús fará o mesmo percorrido de volta entre as 21.00 e as 21.30 horas.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o 4 de agosto nas dependencias municipais de Servizos Sociais sitas no segundo andar da Casa do Concello, que dispón de horario de atención ao público de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas. Neste mesmo horario e con este mesmo prazo, os participantes deberán acudir a recoller as súas entradas.

Os requisitos para participar na xornada festiva de maiores son ter máis de 55 anos e estar empadroado ou ter unha vivienda no Concello de Mugardos.

Ana Varela mostrouse moi satisfeita pola volta desta celebración, xa tradicional en Mugardos e que quedara suspendida debido á pandemia. “A volta da merenda de maiores significa recuperar unha máis das tradicionais celebracións do verán mugardés, especialmente destinada á poboación que máis esforzos e renuncias tivo que facer a causa da pandemia. Durante estes dous últimos anos puxemos especial coidado, atención  e traballo nos nosos maiores e esperamos que a volta da merenda sexa a celebración do reencontro entre os nosos maiores” sinalou.

Back to top