Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

MUGARDOS PROGRAMA UN CICLO DE TEATRO INFANTIL NO MES DE MAIO

Se desenvolverá  tódolos domingos entre o 8 e o 29 de maio, ás 7 da tarde

A concelleira de Benestar, Ana Varela, presentou hoxe o ciclo de teatro infantil “Os domingos imos rir” que o goberno municipal organizou do 8 ao 29 de maio nas parroquias mugardesas, da man de Peter Punk.

A primeira das representacións terá lugar ás 19.00 horas o domingo 8 de maio na Sociedade Cultural e Recreativa San Xoán de Piñeiro. “O show do pallaso Piter”, que nos convida a todos a desfrutar con este espectáculo cheo de divertidos momentos para toda a familia e en especial para os máis pequenos. Con pallasadas, bromas, algo de maxia, e xogos dirixidos de animación.

O domingo 15 ás 19.00 horas será o turno do pallaso “Popin Palomero”, que chegará ao Casino Progreso de Franza. O pallaso Popín fará unha función na que involucra a toda a familia. Pequenos e maiores asisten a unha actuación súper divertida chea de maxia e humor, na que este artista non deixa de facer tolerías, facendo trucos de maxia onde aparecen ata 4 pombas. A improvisación máis a actuación do público fan que o espectáculo sexa distinto cada vez.

No Seixo, a Sociedade de Amigos da Paisaxe Galega recibirá ao pallaso Peter Punk o domingo 22 de maio ás 19.00 horas coa representación “Chungo ke te cagas”. Un espectáculo sen tregua, cheo de humor e malabares, no cal a comicidade se mestura coa habilidade para buscar a gargallada do público.  Chungo ke te  kagas é a frase máxica deste artista, coa que anuncia ao público as súas máis complicadas rutinas, nunha persoal versión do “máis difícil aínda” dos directores do circo clásico. Durante 60 trepidantes minutos ensina a súa destreza coas bolas, mazas e aros, realiza increíbles figuras de globoflexia nun tempo récord, dá boa conta das súas habilidades sobre o monociclo e, como peche, pon en perigo a súa vida (e de boa parte do respectable) cun final con fachos de lume. E todo sen esquecer o humor.

Para despedir este ciclo de teatro, o domingo 29 de maio no Casino Mugardés ás 19.00 o pallaso Peter Punk estrea novo espectáculo “Peor Imposible”. Humor irónico, números participativos, equilibrios con nove paraugas, un impactante circuíto da morte e un evocador final de arriscado equilibrio son algúns dos fíos cos que está confeccionado Peor imposible, unha proposta clown nada en Galicia e punteira a nivel internacional Peor imposible é un espectáculo no que Peter Punk bota man dun humor  desvergonzado e fresco para enfrontarse á cara máis amarga da realidade.

Peter Punk (ou Isaac Rodríguez) é un personaxe e un espectáculo de referencia en calquera programación de Galicia. Con máis de 900 funcións en todo o estado e en toda clase de programacións, Peter Punk é un dos clowns galegos de referencia, cun humor vándalo e fresco sen igual. Peter Punk ten participado nos máis destacados festivais de clown e teatro de rúa nacionais, estatais e internacionais, e entre os galadóns recibidos destacan o premio ao gañador do Certame  Intergaláctico do  Mundoclown Vigo 2008 e no Certame  Intergaláctico do  Festiclown Rivas nos anos 2013 e 2014.

Back to top