Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

MUGARDOS PRESENTA UNHA PROGRAMACION DE ENTROIDO PENSADA PARA TÓDOLOS PÚBLICOS

O Concello de Mugardos, a través da Concellería de Cultura, Educación e Deportes, ven de dar a coñecer as actividades previstas con motivo do Entroido 2026, dirixidas especialmente ao público xuvenil e familiar.

A programación arrincará o venres 13 de febreiro cunha Exhibición de Rap improvisado en galego, para a mocidade de 12 anos en adiante, que se celebrará no Casino Mugardés. Esta actividade busca ofrecer unha proposta cultural atractiva e participativa para a xuventude, fomentando a creatividade e a expresión artística. Terá lugar ás 19:00 horas, e está aberta a todo o público.

As actividades continúan o luns 16 de febreiro, data na que se organizará unha Merenda de Entroido para a veciñanza de máis de 60 anos de idade. Será unha tarde de xuntanza na que se sorteará unha cesta con produtos típicos do entroido entre as persoas que acudan disfrazadas. A cita é ás 18:00 horas no Local Social de Maiores. As persoas interesadas poden inscribirse do día 2 ó 10 de febreiro no 2º andar do Concello (de 10:00 a 13:00 horas, no departamento de Servizos Sociais) ou no teléfono 606 168 140.

Por último, o martes 17 de febreiro ás 17:00 horas haberá unha xuntanza da Comparsa Manda Charanga, que realizará un desfile polas rúas do municipio ata o Casino Mugardés (se as condicións meteorolóxicas o permiten), onde ás 18:00 horas se celebrará unha festa infantil coa animación da discoteca móvil Nova Onda, o sorteo de cestas con produtos típicos do entroido entre as persoas adultas disfrazadas e o reparto de orellas, postre típico do entroido.

A concelleira de Cultura, Educación e Deportes, Begoña Gómez, destacou que “o obxectivo é ofrecer un Entroido variado e pensado para todos os públicos, con especial atención á mocidade e ás familias, recuperando o ambiente festivo e a participación veciñal”.

Back to top