Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

MUGARDOS ORGANIZA O SEU ENTROIDO DE MAIORES O PRÓXIMO 19 DE FEBREIRO

As inscricións poderán facerse do 6 ao 15 de febreiro na Casa do Concello

A concelleira de Servizos Sociais, Ana Varela, presentou hoxe o Entroido de Maiores+55 que organiza o seu departamento o próximo 19 de febreiro no Casino Progreso de Franza. Trátase dunha merenda-baile que dará comezo ás 18.00 horas e estará amenizada polo “Dúo Caramba”.

O evento, totalmente de balde, conta con prazas limitadas polo aforo do local, así que as persoas interesadas en participar poderán inscribirse do 6 ao 15 de febreiro nas dependencias municipais de Servizos Sociais sitas no segundo andar da Casa do Concello, que dispón de horario de atención ao público de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas.

Para o traslado dos veciños e veciñas ata o Casino Progreso de Franza, a concellería porá a disposición un servizo de bus a partir das 17.30 horas con paradas en Mugardos e no Seixo, e con regreso ao rematar o evento.

A concelleira quixo animar aos participantes a asistir cos seus disfraces, xa que todos aqueles que asistan caracterizados poderán participar no sorteo dunha cesta con produtos típicos do entroido.

Varela rematou sinalando que o goberno municipal traballa para “seguir recuperando e ampliando as festas do Entroido mugardesas, xa que esta merenda-baile é un máis dos eventos organizados para o Entroido 2023, unha das edicións máis importantes e especiais logo de tantos anos con limitacións pola pandemia”.

Back to top