MUGARDOS OFRECE DÚAS XORNADAS DE FORMACIÓN PARA A ATENCIÓN ESPECIALIZADA DE PERSOAS CON ALZHÉIMER E OUTRAS DEMENCIAS
As xornadas formativas terán lugar o 16 e o 18 de novembro no Local Social de Maiores
7 DE OUTUBRO DE 2022. A concelleira de Benestar Social Ana Varela presentou hoxe o curso “Atención especializada en Alzhéimer e outras demencias” programada desde a súa concellería para o 16 e o 18 de novembro en colaboración con Afal Ferrolterra.
A participación nsta acción formativa é totalmente gratuíta e impartirase en dúas sesións de 16.30 a 18.30 horas no Local Social de Maiores da rúa Castelao. Está dirixida aos veciños e veciñas de Mugardos e especialmente recomendada para familias e coidadores/as non profesionais de persoas que padecen Alzheimer ou outra demencia, así como aos dependentes en xeral. As inscricións abriranse o 2 de novembro e as persoas interesadas poderán facelas chamando á Concellería de Benestar Social (981 470290 Extensión #2049).
A primeira sesión estará dirixida por Elena Farré, psicóloga, e nela abordarase a sintomatoloxía e os sinais que poden anticipar unha deterioración cognitiva, a descrición de como adoitan cursar as demencias centrándose principalmente nas distintas fases do Alzheimer e nas alteracións de comportamento, ademais das terapias non farmacolóxicas que poden atrasar a súa evolución.
A sesión do día 18 de novembro, dirixida pola terapeuta ocupacional Natividad Criado, trataranse dun xeito moi práctico as mobilizacións e transferencias das persoas dependente, as mellores posturas para previr problemas circulatorios e cutáneos derivados do encamado/a e os materiais existentes para previr esa problemática. Tamén abordaranse as técnicas para mover, cambiar de lugar e sentar á persoa enferma de maneira que non haxa ningún tipo de lesión nin non/a enfermo/a nin non/a coidador/a.
A concelleira fixo unha reflexión sobre o impacto que a demencia ten nas familias “Cando o alzhéimer actúa faino sobre o enfermo, que pouco a pouco vai perdendo progresivamente a noción da realidade, e tamén sobre os coidadores que de súpeto se atopan tendo que prestar uns coidados específicos e cubrindo novas necesidades”. Varela rematou a presentación animando á veciñanza a participar nesta formación e agradecendo a Afal Ferrolterra o seu traballo e apoio ás familias.