MUGARDOS INTENSIFICA A SÚA LOITA CONTRA OS DEPÓSITOS IRREGULARES DE ENSERES
O concello ten abertos 12 expedientes sancionadores neste momento
O concelleiro Jorge Kuntz vén de acordar coa Policía Local a intensificación da apertura de expedientes de sanción polos depósitos irregulares de enseres, debido ás situacións de perigo e inseguridade que se están a dar nalgúns puntos do municipio.
“Nestes momentos estamos a detectar máis dunha decena de puntos incontrolados nos que veciños e veciñas están a depositar residuos sen seguir o procedemento de aviso previo. Debido á ausencia de preaviso, estes depósitos non son recollidos pola empresa e en moitos casos acaban supoñendo un perigo para a seguridade de vehículos e peóns, así como unha merma na accesibilidade das rúas para cadeiras de rodas e carriños, que non poden circular polas beirarrúas” explicou o responsable do departamento municipal de Servizos.
Fai algunhas semanas, a Policía Local alertou ao goberno municipal do aumento de depósitos incontrolados e decidiuse incrementar o control sobre éstes. Así mesmo, desde a concellería estase estudando a posibilidade de endurecer as sancións “xa que todos sabemos que non poden realizarse depósitos, pero o perxuizo causado á veciñanza non frea aos incumpridores, co cal estamos a valorar o impacto que pode ter o aumento dos importes das sancións”.
Desde a Concellería de Servizos lembrouse que a recollida de enseres ou residuos voluminosos realízase gratuitamente previo aviso no Concello, comunicando nome e apelidos, obxectos que se depositarán, teléfono de contacto e punto onde se depositarán, por calquera destas catro canles: presencialmente na oficina de atención ao público da Casa do Concello de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas, no mesmo horario chamando ao 981 470 338 (extensión: #2028), enviando un correo electrónico a carmen.mesia@mugardos.gal, ou a través do servizo de whatsapp Mugardos en Liña. Os usuarios e usuarias do Mugardos en Liña simplemente teñen que enviar unha mensaxe coa dirección do depósito (no contedor máis cercano ao domicilio) e os elementos que se teñan previsto depositar. Así mesmo, lémbrase que a recollida de enseres realízase o 1° e 3° luns de cada mes (de setembro a xullo) e tódolos luns de agosto.
“O Concello de Mugardos pon a disposición da veciñanza un procedemento rápido, fácil e sinxelo para avisar do depósito de enseres, xa que o servizo que se presta desde o Concello é respectuoso co medio ambiente, axústase á legalidade e é gratuíto. Depositar mobles e aparellos na rúa sen aviso previo non é legal, nin seguro e aumenta o custo do servizo para o concello, así que temos que atallar este comportamento de xeito inmediato” finalizou Kuntz.