Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

MUGARDOS INICIA A 2ª FASE DO ACONDICIONAMENTO DAS FONTES E LAVADOIROS MUNICIPAIS

Ata 14 espazos municipais serán arranxados e renovados para o desfrute da veciñanza.

O Concelleiro de Obras, Servizos e Medio Ambiente, Jorge Kuntz, presentou hoxe a segunda fase do proxecto de recuperación das fontes e lavadoiros municipais que deu comezo esta semana e que permitirá o arranxo e renovación de ata 14 espazos públicos.

As actuacións a levar a cabo nesta segunda fase (a primeira realizouse en marzo de 2021) adaptaranse ás necesidades de cada un dos espazos, e irán desde a limpeza interior, o desatasco, a substitución de tubos ou o selado de gretas, ata restauración de estruturas, a pintura de paredes ou a reparación de cubertas.

Os espazos que serán acondicionados son a fonte e o lavadoiro da Redonda,  o lavadoiro de subida a Montefaro, o lavadoiro das Viñas (recollido no inventario como lavadoiro do Esteiro), o lavadoiro e a fonte do Baño, a fonte e o lavadoiro da Seaña (coñecido como lavadoiro da Rega) o lavadoiro e a fonte do Casal, a fonte e o lavadoiro de Simou, o lavadoiro da Barca, o lavadoiro e a fonte do Arrueiro, o lavadoiro e a fonte da Caberqueira, a fonte de Lodairo, o lavadoiro de Boado, o lavadoiro e a fonte de Xuncedo, e a fonte de San Xoán.

“Logo do traballo de acondicionamento e recuperación destes espazos, que son un dos elementos patrimoniais que máis nos achegan á nosa tradición e á nosa historia, desde o goberno municipal estamos a traballar xa na súa posta en valor. Gustaríanos moito que os mugardeses e mugardesas coñeceran estes espazos e sobre todo que puideran desfrutalos, porque moitos deles atópanse situados es lugares cunha beleza extraordinaria e son vestixios da nosa historia, así que desde a alcaldía, a Concellería de Cultura e Turismo, e o meu departamento esperamos poñer de novo en valor ” sinalou Kuntz.

O alcalde, Juan Domingo de Deus, falou “da necesidade de que a veciñanza coñeza e perciba estes lugares como o tesouro que son. O lavadoiro da Redonda de Abaixo data de 1742, a fonte da Rega ten case un século, e as fontes do Lodairo ou do Casal que están preto do século e medio, xa que segundo as súas inscricións, a construcción data de 1885 e 1883 respectivamente. Temos a nosa historia á vista, ao lado das nosas casas, os nosos colexios e os nosos parques, e case nin nos damos conta. Imos tentar revertir esta situación”.

Back to top