Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

MUGARDOS CELEBRA O SEU PRIMEIRO TORNEO DE TIRO CON ARCO ESTA FIN DE SEMANA

A competición terá lugar o sábado pola tarde no Pavillón do Cristo

A Concelleira de Deportes de Mugardos, Begoña Roldós, presentou hoxe o I Trofeo de Tiro con Arco “Concello de Mugardos” que terá lugar o próximo sábado 28 desde as 17.00 horas no Pavillón polideportivo do Cristo, organizado polo Concello de Mugardos e a Asociación Deportiva Arqueiros do Adarve.

Na competición participarán, previa invitación da organización, os alumnos e alumnas da Escola Municipal de Tiro con Arco así como doutras escolas da contorna, e está previsto que se desenvolva ao longo de toda a tarde, coa recepción aos arqueiros prevista para as 17.00 horas, o inicio da competición ás 17.30 horas e a súa finalización ás 19.30 horas.

Poden asistir a desfrutar do trofeo os veciños e veciñas que así o desexen, xa que o evento é aberto ao público.

Roldós subliñou que este I Trofeo “Concello de Mugardos” ven dar a visibilidade que necesita esta disciplina deportiva, na que os arqueiros e arqueiras da escola municipal están a realizar grandes avances e rematou animando á veciñanza “a participar neste evento e mostrar o seu apoio aos participantes, especialmente aos deportistas locais” concluíu.

Back to top