MUGARDOS CELEBRA ESTE DOMINGO NA PRAZA DO MERCADO O DÍA DA XUVENTUDE
O evento está organizado polo Concello e a Dirección Xeral de Xuventude
A concelleira de Xuventude, Begoña Roldós, presentou hoxe o programa de ocio educativo “Día da Xuventude” que se celebra este vindeiro domingo 12 de febreiro na Praza do Mercado de 16.00 a 21.00 horas.
Os mozos e mozas de 12 a 25 anos para os que se organiza este evento e que se acheguen ata a Praza do Mercado, poderán acceder durante toda a tarde a un gran abano de actividades gratuitas como xogos educativos deportivos ou formativos como actividades de gastronomía saúdable, obradoiros medioambientais, charlas sobre habilidades de empregabilidade ou un obradoiro de graffiti. Ademais diso, tamén contarán con información xuvenil e con postos de concienciación sobre igualdade de xénero.
Roldós enmarcou esta xornada dentro do impulso ás políticas enfocadas á mocidade que desde o goberno municipal levan desenvolvendo desde o remate da pandemia. “A pandemia tivo un impacto negativo no crecemento social, educativo, laboral ou psicolóxico dunha xeración de mozos e mozas durante case dous anos, e agora temos que facer un esforzo para disminuir as posibles desigualdades xurdidas”.