MUGARDOS CELEBRA AS FESTAS DO CARME
Unha semana chea de actividades que rematarán a próxima fin de semana
Mugardos, 11 de XULLO de 2022. A concellería de Cultura presentou hoxe a programación das Festas do Carme 2022, nas que están programadas actuacións de teatro infantil e concertos, e por suposto a colaboración do concello para a celebración o próximo domingo dos actos relixiosos na honra da Virxe do Carme.
Desde hoxe luns e ata o mércores, todos os días ás 20.30 horas na carpa instalada na praza da Constitución (na punta do peirao) haberá actuacións destinadas ao público infantil. Arrinca hoxe o grupo de teatro Noroeste coa obra de teatro “Animais de compañía”, mañá chegaralle o turno á obra “O Quixote” e o mércores terá lugar a actuación do Mago Rafa.
Coa fin de semana chega o momento da música, cunha variada oferta de estilos. As actuacións serán tamén na praza da Constitución pero neste caso darán comezo ás 22.30 horas. O venres achéganse a Mugardos “Malditos Pendejos”, o sábado serán os chicos e chicas de “La edad de oro del pop español” e o domingo pecharán as festas a “Orquestra Claxxon” e “Broken Peach”. Este peche terá unha gran novidade xa que Mugardos estreará un novo sistema de pirotecnia, coñecido como “piromusical”, no que fogos e música irán da man.
Como xa é tradición, as Festas do Carme mugardesas celebrarán o domingo o seu día grande coa misa na honra á Virxe ás 12.30 horas. A partires das 13.30 horas dará comezo a procesión, acompañada nesta ocasión pola Banda de Música “Vila de Cedeira” e con traca, que levará a figura da patroa dos mariñeiros ata o peirao para a procesión marítima, coa emocionante ofrenda floral aos caídos na mar.
Begoña Roldós, concelleira de Cultura, valorou a programación de este ano como “a conxunción de tradición e diversión. Fixemos un programa amplo e variado pensado para a veciñanza de todas as idades, e moi importante, no que a colaboración entre a administración local e a confraría Nosa Señora da Virxe do Carme é total”.