MUGARDOS AVANZA NO PLAN ANTIFRAUDE DOS FONDOS EUROPEOS
O plan ten o obxectivo de garantir unha adecuada xestión dos fondos europeos Next Generation
O concelleiro de Facenda e Participación, Miguel Mahía, informou hoxe do inicio do expediente de adhesión do Concello de Mugardos ao Plan Xeral de Prevención de Riscos e Medidas Antifraude (Premadecor), que inclúe tarefas de prevención, detección e corrección do fraude e a corrupción, así como os posibles conflitos de intereses.
Este plan provincial supón a posta en marcha de funcións de avaliación de riscos, a utilización da canle de bo goberno e denuncias, a análise e seguimento do plan e mesmo a tramitación e resolución dos expedientes de solicitude de fondos Next Generation.
En datas recentes, o goberno municipal ten presentada a solicitude de fondos Next Generation para a obra de reforma do Mercado Municipal de San Telmo, e valora a presentación de novas solicitudes para proxectos de modernización de espazos públicos.
Mahía subliñou que “sobre a xestión de fondos públicos sempre pende a sospeita de que os implicados nos procedementos poidan incurrir en condutas irregulares, polo que cómpre seguir as prácticas que se están a impor xa na Unión Europea, reforzando as medidas preventivas e de transparencia, coa aplicación de sistemas de detección e por suposto, co máximo rigor nos procedementos de corrección para que, de ser o caso, se recobren para o erario público os fondos mal utilizados”.