Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

MUGARDOS AVANZA COS PROCESOS SELECTIVOS

Brigadas contraincendios, axentes da oficina de turismo, auxiliar de biblioteca, peóns, oficiais e limpeza de praias son algúns dos procesos pendentes

Miguel Mahía, concelleiro de Persoal mugardés, actualizou hoxe o estado dos procesos selectivos desenvoltos polo Concello de Mugardos e quixo deixar claro que “a reforma laboral fixo un fraco favor ás administracións locais”.

Mahía aclarou que “todas as contratacións realizadas polo Concello dentro dos plans de emprego da Deputación levan informes desfavorables, incluso con reparos suspensivos da intervención municipal. Isto quere decir que desde o punto de vista técnico, o funcionario non autoriza a contratación dese persoal. E isto non está a acontecer só en Mugardos, son moitos os concellos onde a situación é a mesma”.

O motivo é que desde a reforma laboral de decembro pasado, en xeral, o Concello só pode contratar persoal de xeito definitivo (a través das correspondentes oposicións) ou ben por un máximo de dous meses. Isto foi o que pasou por exemplo co posto de auxiliar de Policía, que tódolos anos se asigna ao Concello un reforzo por 6 meses, e este ano tivemos que optar por facer unha contratación de apenas 2 meses”.

O mesmo sucedeu coa contratación de dous peóns e dous oficiais, así como co persoal de limpieza de praias. “No caso do proceso para a contratación da cuadrilla de limpeza de praias, ás dificultades na contratación únese o feito de que a subvención non foi concedida ata o pasado 7 de xullo, imposibilitando o inicio do expediente ata este mes” concretou o concelleiro. Nun caso similar atópase o proceso de contratación da brigada contraincendios, neste caso debido a que o convenio asinouse a finais do mes de maio.

“Fixemos unha consulta á Deputación e a resposta que nos remitiron en abril lamentablemente non deu seguridade xurídica ás contratacións no marco dos seus plans de emprego. Tan evidente é que non aclarou o asunto que temos reparos suspensivos en todos os procesos de selección. Un reparo suspensivo da lugar á paralización do expediente, polo que se este ano hai contratacións de persoal é porque este goberno municipal mantén o seu compromiso coa prestación de servizos de calidade aos veciños, e o Concello de Mugardos necesita deste persoal, pero a situación administrativa destes expedientes non é nin moito menos a ideal” rematou Mahía. O concelleiro confirmou que o goberno municipal levará a cabo as contratacións a través dunha resolución de alcaldía, e que se espera que a incorporación da maioría do persoal seleccionado se produza antes do final deste mes de xullo.

Back to top