MÁIS DE 40 NENOS E NENAS USUARIOS DO SERVIZO DE FOTOCOPIAS DAS TAREFAS ESCOLARES
As concellerías de ensino e benestar, coordinadoras do sistema de colaboración coas familias e os centros de ensino informan de que, desde a posta en marcha do servizo, son 38 as familias usuarias, e 44 o total de nenos e nenas que poden dispoñer dos apuntes ou traballos escolares imprescindibles para a actividade escolar a distancia que se está a dar durante o estado de alarma.
“Seguimos traballando en novas medidas que poidan ser de utilidade. Desde a concellería de ensino estamos en contacto coas direccións de todos os centros, que no momento que detectan calquera necesidade póñense en contacto connosco. Por outra banda, de xeito coordinado, tamén desde a concellería, de benestar estase facendo unha monitorización das posibles situacións que puideran xurdir durante a crise” sinalou a concelleira de ensino Begoña Roldós.
Cando unha familia necesite imprimir material educativo enviado polo seu centro para traballar na casa, debe solicitalo chamando ao propio centro, e informar dos apuntes que necesitan fotocopiar, o nome do alumno ou alumna, a dirección de entrega da documentación e un teléfono de contacto.
Unha vez recibido o aviso por parte do centro, o material escolar imprímese e entrégase por membros de Protección Civil.