Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

INSTALADO O MOBILIARIO REALIZADO NO OBRADOIRO DE CARPINTERÍA REINICIA VI

A Concellería de Obras, Servizos e Medio Ambiente informou hoxe da colocación do mobiliario realizado polo alumnado do Obradoiro de emprego Reinicia VI na especialidade de traballos de carpintería e moble.

O Obradoiro, que foi promovido polo Concello de Mugardos xunto co Concello de Ares, Cabanas, Fene e Neda, tivo 10 alumnos/traballadores, impartiuse no Centro de Formación de Magalofes en Fene e rematou no mes de xullo. Aínda que a formación presencial viuse afectada polo estado de alarma, esta puido retomarse o 1 de xullo.

O mobiliario confeccionado no obradoiro dentro da formación práctica cedido ao Concello, e que foi colocado esta semana, son 8 mesas con 8 bancos de madeira no lateral tratados con illante para o chan e evitar no posible a absorción de humidade por parte das patas de bancos e mesas, foron colocados para o desfrute dos veciños e veciñas en Roibeiras, Peteiro e Franza entre outros.

Así mesmo, tamén foi entregado ao concello un moble confeccionado polos alumnos/traballadores do Reinicia VI. Trátase dun armario con portas correderas e estantes con mecanizado para instalación de porta-estantes para grandes pesos realizado en melamina con tiradores de aluminio e que foi colocado nas dependencias da secretaría municipal da Casa do Concello.

Este ano está previsto o inicio do desenvolvemento do Obradoiro Dual de Emprego REINICIA VII, no que participan os mesmos concellos e impartiranse as mesmas especialidades. A data prevista para arrincar a formación é o 15 de decembro de 2020.

Back to top