Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

INICIADOS OS TRÁMITES PARA CONSTRUIR UN APARCAMENTO DE MÁIS DE 100 PRAZAS NA RÚA CASTELAO

A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 27 de xaneiro o inicio da modificación do Plan de Urbanismo para poder realizar esta obra

Mugardos, 31 de xaneiro de 2022. O concelleiro de Urbanismo e alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus confirmou hoxe que un dos proxectos estrela desta lexislatura, como é a unión das rúas Castelao e Mercado e a dotación dun aparcamento en superficie na Telefónica de máis de 100 prazas, iniciou xa a súa tramitación coa adxudicación da redacción da modificación do Plan de Urbanismo.

De Deus asegurou que “aínda que se trata dun proxecto a medio prazo, xa que as modificacións do planeamento urbanístico son procesos administrativos lentos pola importancia de garantir unha tramitación transparente, o certo é que estamos diante do inicio dun dos proxectos máis demandados pola veciñanza, e que suporá unha transformación total do núcleo urbán de Mugardos”.

A modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal no ámbito do SUNC-P5 da Telefónica permitirá a apertura dun vial que una a rúa Castelao coa praza do Mercado e polo tanto co Centro de Saúde, facilitando enormemente a mobilidade tanto dos usuarios do centro médico como dos clientes da praza e dos comercios da zona.

Así mesmo, a obra incluirá a instalación dun aparcamento público en superficie con máis de 100 prazas que permita dar solución ao problema de estacionamento na zona, delimitando correctamente os espazos e organizando a circulación neste lugar.

“Este proxecto é moi ambicioso e sabemos que dará solucións a un dos máis importantes problemas de mobilidade de Mugardos. Esperamos poder facelo realidade no máis curto espazo de tempo posible, pero estamos satisfeitos por poder iniciar a tramitación. Debido á envergadura da obra, esperamos contar co apoio de todas as forzas políticas e outras administracións se fose necesario para a súa financiación”.

Back to top